Esta base de datos non é por suposto definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a represión dun réxime ditatorial, nin polas formas que esta adquiriu, posto que aquí só se recollen os asasinatos e os procesos xudiciais militares.
Porén todos os datos que presentamos están criticados, cruzados entre diferentes fontes e sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non sempre é doada.
Constitúen o principal fundamento dos datos que se achegan os expedientes dos procesos xudiciais (2.608, con máis de 400.000 páxinas), rexistros civís dos concellos (310), fontes orais (460 entrevistas, das que amosamos os datos das 100 primeiras), traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas (52) —seguimos á espera de consultar 68 arquivos parroquiais—.
A crítica das fontes e o cruce entre as mesmas para evitar duplicados seguiu á recolleita para construír a información presentada. Incompleta, como sempre é a historia. Mais, en canto aos datos publicados, estamos certos de que foron todos e todas as que están pero non están todos os que foron...